Páxinas

martes, 19 de maio de 2020

RETO BUFINO CONSEGUIDO!

Pedro Jove García de 2º A de Educación Primaria converteuse en todo un buscador de libros en galego! Descubriu que ademais dos contos que ten no seu cuarto, na biblioteca do salón hai varias baldas de libros en galego, pero nunca reparara neles porque aínda non lle chegaba. 
Coa axuda da súa nai, subiu a unha cadeira e a que non sabedes que atopou entre eses libros? Dúas obras do autor homenaxeado Ricardo Carvalho Calero. Pedro, es todo un buscador de libros, parabéns!

DEBUXOS LETRAS GALEGAS

Os nenos/as de 2º B de Educación Primaria quixeron compartir con nós uns debuxos que fixeron con motivo da celebración das Letras Galegas. Moitas grazas a tod@s, quedáronvos moi pero que moi ben!
 



luns, 18 de maio de 2020

DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS

Hoxe, 18 de maio, celébrase o día internacional dos museos e os nenos/as de 4º B de Educación Primaria quixeron compartir con todos nós un pequeno vídeo de pinturas que fixeron inspirándose en cadros de pintores famosos pero facendo a súa propia interpretación con animais.
Moitas grazas nenos e nenas, sodes uns artistas!!!
Día Internacional de los Museos - ICOM - ICOM

luns, 11 de maio de 2020

GALEGO A DIARIO NESTE MES DE MAIO

O vindeiro 17 de maio celebramos o días das letras galegas. Este ano homenaxeamos a figura de Ricardo Carvalho Calero, un home cunha gran traxectoria e unha dedicación intensa e disciplinada marcada sempre pola súa vocación polas letras.

Dada a situación na que nos atopamos, esta homenaxe ao autor quedou aprazada ao 31 de outubro. Non obstante, dende a biblio, Bufino quere achergarnos a figura de Ricardo a través de diferentes propostas e propoñernos varios retos para estes días.

Botádelle un ollo e animádevos a participar con algunha das propostas. Como sempre, recordade que podedes enviarnos cunha fotografía o voso traballo ao correo da biblio: barbonbiblio@gmail.com

RETO #1 | Un mar de palabras  

Ricardo viviu moitos anos en dúas cidades que non teñen costa, Santiago de Compostela e Lugo, pero o mar do seu Ferrol natal sempre estivo moi presente na súa vida e obra.

Bufino propón que fagas un debuxo sobre unha paisaxe onde apareza o mar que tanto lle gustaba ao autor, e enchas ese mar con diferentes palabras en galego.

RETO #2 | Buscadores de libros

Investigar a vida e obra de centos de homes e mulleres que escribiron en galego foi para Ricardo Carvalho un gran proxecto que tivo como resultado un volume publicado en 1963.

Bufino propón que te convertas en buscador/a de libros en galego que teñas na casa e lles fagas a todos eles unha foto para compartir con todos/as nós.

RETO #3 | Paixón polos animais

"As pitas baixo a chuvia" é un relato do autor, que conta como espertou nel o seu interese polos animais. Tanto amor sentía de neno por aquelas aves que un día que comezou a chover saíu veloz a socorrelas. A historia remata co seu pai e a súa avoa, que acudiron a abrigalo, mollados coma pitos!

Bufino pensa que de seguro que ti tamén tes algún animal polo que sentes unha querenza especial. Describe nun pequeno texto, en galego, de quen se trata, como se chama, onde vive, cal é a súa comida preferida... e acompaña esa descrición dunha imaxe ou debuxo.

RETO #4 | Expresións galegas 

Marcho que teño que marchar, vaiche boa, nin arre nin xo, outra vaca no millo, éche o que hai... Que outras expresións galegas coñeces ti? Grava un vídeo dicindo algunha delas e envíanolo ao correo barbonbiblio@gmail.com para compartir con todos nós.


PARA SABER MÁIS DE RICARDO CARVALHO CALERO...

Na seguinte ligazón podedes ver diferentes actividades interactivas relacionadas coa vida e obra do autor Ricardo Carvalho Calero.

XOGOS DE ESCAPE ROOM

Presentámosvos tamén uns pequenos xogos de escape room elaborados por Alba Carril (CPI de Vedra) e Ana Sánchez (CEIP Arquitecto Casas Novoa) nos que dunha forma moi divertida iredes descubrindo moitas cousas sobre o autor homenaxeado.

Serás quen de conseguir os díxitos que precisas para resolver o misterio? Preme na imaxe e moito ánimo!!



Grazas por compartir con nós este traballo!

luns, 4 de maio de 2020

MÁIS IMAXES DOS RETOS DE BUFINO

Seguimos recibindo as vosas imaxes... botade un vistazo, menudos artistas! Moitas grazas Miranda, Bosco, Tuan e Bruno por animarvos a participar!