Cartel da Feira do Libro Infantil Boloña 2014 |
Desde o ano 1963 a Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña abre anualmente as súas portas aos editores de literatura infantil e xuvenil de todo o mundo, autores-as, ilustradoras-es, axentes literarios, bibliotecarios, profesoras-es, e outros profesionais relacionados coa LIX e co libro en xeral. As tendencias do sector, as novidades, as edicións máis clásicas e máis vangardistas; o libro ilustrado e o libro educativo. Unha feira chea de cor que nunca defrauda aos profesionais. Do 24 ao 27 de marzo no recinto feiral da Piazza Costituzione da cidade italiana. Cincuenta anos de promoción e difusión da literatura infantil e xuvenil de Boloña para o mundo. Os libros galegos tamén celebrarán os seus 25 anos na feira. A Xunta desprazou ata Boloña a Cristina Fabeiro, Subdirectora de Xestión e Coordinación Cultural e a Cristina Rubal, Subdirectora Xeral de Bibliotecas.
Os editores galegos estiveron presentes a través dos seus libros, que se amosaron no stand da Xunta de Galicia, situado no pavillón 29. Escenoset é a empresa galega adxudicataria do deseño, montaxe e atención do stand. Traballaron nese espazo colectivo as editoras de OQO Editora. Os editores-as galegos de Kalandraka Editora estiveron no stand de Kalandraka Italia. Expuxeron os seus libros no stand compartido os editores de Baía Edicións, Editorial Nova Galicia, Biblos Clube de Lectores, Editorial Galaxia, Edicións Xerais, OQO Editora e Kalandraka Editora. A AGE mantivo diversos encontros profesionais con editores de Francia, Turquía e Dinamarca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario