O vindeiro 17 de maio celebramos o días das letras galegas. Este ano homenaxeamos a figura de Ricardo Carvalho Calero, un home cunha gran traxectoria e unha dedicación intensa e disciplinada marcada sempre pola súa vocación polas letras.
Dada a situación na que nos atopamos, esta homenaxe ao autor quedou aprazada ao 31 de outubro. Non obstante, dende a biblio, Bufino quere achergarnos a figura de Ricardo a través de diferentes propostas e propoñernos varios retos para estes días.
Botádelle un ollo e animádevos a participar con algunha das propostas. Como sempre, recordade que podedes enviarnos cunha fotografía o voso traballo ao correo da biblio: barbonbiblio@gmail.com
RETO #1 | Un mar de palabras
Ricardo viviu moitos anos en dúas cidades que non teñen costa, Santiago de Compostela e Lugo, pero o mar do seu Ferrol natal sempre estivo moi presente na súa vida e obra.
Bufino propón que fagas un debuxo sobre unha paisaxe onde apareza o mar que tanto lle gustaba ao autor, e enchas ese mar con diferentes palabras en galego.
RETO #2 | Buscadores de libros
Investigar a vida e obra de centos de homes e mulleres que escribiron en galego foi para Ricardo Carvalho un gran proxecto que tivo como resultado un volume publicado en 1963.
Bufino propón que te convertas en buscador/a de libros en galego que teñas na casa e lles fagas a todos eles unha foto para compartir con todos/as nós.
RETO #3 | Paixón polos animais
"As pitas baixo a chuvia" é un relato do autor, que conta como espertou nel o seu interese polos animais. Tanto amor sentía de neno por aquelas aves que un día que comezou a chover saíu veloz a socorrelas. A historia remata co seu pai e a súa avoa, que acudiron a abrigalo, mollados coma pitos!
Bufino pensa que de seguro que ti tamén tes algún animal polo que sentes unha querenza especial. Describe nun pequeno texto, en galego, de quen se trata, como se chama, onde vive, cal é a súa comida preferida... e acompaña esa descrición dunha imaxe ou debuxo.
RETO #4 | Expresións galegas
Marcho que teño que marchar, vaiche boa, nin arre nin xo, outra vaca no millo, éche o que hai... Que outras expresións galegas coñeces ti? Grava un vídeo dicindo algunha delas e envíanolo ao correo barbonbiblio@gmail.com para compartir con todos nós.
PARA SABER MÁIS DE RICARDO CARVALHO CALERO...
Na seguinte ligazón podedes ver diferentes actividades interactivas relacionadas coa vida e obra do autor Ricardo Carvalho Calero.
XOGOS DE ESCAPE ROOM
Presentámosvos tamén uns pequenos xogos de escape room elaborados por Alba Carril (CPI de Vedra) e Ana Sánchez (CEIP Arquitecto Casas Novoa) nos que dunha forma moi divertida iredes descubrindo moitas cousas sobre o autor homenaxeado.
Serás quen de conseguir os díxitos que precisas para resolver o misterio? Preme na imaxe e moito ánimo!!
Grazas por compartir con nós este traballo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario